viernes, 21 de diciembre de 2018

CABALGATA DE NADAL



Chegamos ao final do trimestre ,foron moitas as actividades realizadas e hoxe , para rematar , fixemos a cabalgata :

un desfile polo paseo marítimo con música ( alumnos e mestres) , carrilanas, zancos, chiolas, combas, malabares, cariocas , pastores e pastoras ,...; coa participación de toda a comunidade educativa démoslle a benvida aos Reis Magos , que recibiron a todos os nenos e nenas e agasalláronos cun bocadillo de chocolate e o calendario do noso colexio .
Na recepción aos Reis , cantaron panxoliñas os alumnos/as de 1º, 2º, 3º e 4ºe o alumnado de 6º deu lectura ao Pregón de Nadal, no que expresaban os seus mellores desexos de acadar un mundo xusto, igualitario, xeneroso ,...

lunes, 17 de diciembre de 2018

jueves, 13 de diciembre de 2018

NADAL 2018

Son moitas as actividades a desenvolver nestas datas de fin de trimestre :

- Preparado o noso calendario . Feito polo alumnado de 6º , coa colaboración doutros grupos do Colexio .



- Nadal solidario : hoxe estivemos colaborando no mercadiño solidario en Domus Vi . Danzas, música e recitado de poemas para colaborar na animación deste evento recaudatorio , a favor do banco de alimentos . Tamén donamos manualidades , feitas de forma artesanal polo noso alumnado , para poñer á venta. Os poemas recitados son do libro " O cubil da lúa ", do poeta Xoán Neira , que acompañou aos nenos e nenas no propio espazo do mercado .



Recitado from manuelmusica on Vimeo.


Outra das actuacións levadas a cabo foi a presentación do calendario . O alumnado de 6º está a facer intercambios de experiencias cos restantes niveis na presentación do traballo que fixeron sobre o cantigueiro popular , que é a temática do Proxecto interdisciplinar do presente curso e ademais este é o contido do calendario elaborado. Foi un exercicio de expresión oral e artística, no que ademais interactuaron pequenos e maiores , fomentando así á mellora da convivencia. Ao remate , agasallouse a todos/as cun pequeno caderno e unha pegatina , que contiñan a portada do noso calendario







Preparado o pregón dos nenos e nenas de 6º , para dar á benvida ás celebracións desta época .



Xa na semana final deste 1º trimestre , o alumnado de 6º presentou o calendario , feito nas aulas ABALAR , ás familias .





miércoles, 12 de diciembre de 2018

EXPERIENCIAS INTERXERACIONAIS



O alumnado do noso centro convive,en distintas ocasións ao longo do curso, con Residencias da terceira idade e alí participa de diferentes actividades nas que interactúan as distintas xeracións; o que constitúe unha actuación de gran valor educativo , enriquecedora e transmisora de valores para a convivencia.
O coro do Colexio visitou as Residencias: Betania e Domus Vi , nas que ofreceu os seus concertos a favor da convivencia e en contra de todas as violencias.


SAGA,SAGA- ERÁN SAN SAN from manuelmusica on Vimeo.


martes, 4 de diciembre de 2018

Educación en valores , cultura de paz, convivencia,...



Nas proximidades do Nadal o coro do noso Colexio achegouse ás residencias da terceira idade do noso pobo: Betania e Domus Vi , para actuar cantando e tocando diferentes instrumentos e , sobre todo, para compartir xornada interxeracional,cunha actitude solidaria e de compromiso . Unha experiencia musical compartida , que remata sempre cunha merenda de grupo ofrecida polo centro que visitan .

viernes, 23 de noviembre de 2018

NON á violencia



Distintas actividades levadas a cabo no día de hoxe , tratando de sensibilizar ao alumnado da importancia dun mundo sen violencias ; entre outras :


- actuación do coro no Colexio San Roque
- participación do alumnado de 5º nun acto colectivo con outros centros educativos deste concello, organizado polo CIM de Viveiro
- outras actividades de aula



miércoles, 21 de noviembre de 2018

Obradoiro de escrita



Despois da visita ao Colexio que fixo Lucas Requejo , quen convidou unha vez máis a practicar un estilo de vida saudable, o alumnado fixo as súas propias creacións literarias nas que plasmaron mensaxes a favor do exercicio, a alimentación, o coidado do medio e quedaron algunhas historias moi bonitas , como esta por exemplo :


lunes, 19 de noviembre de 2018

MES DA CIENCIA



Para dar a coñecer a Domingo Fontán e a importante contribución e repercusión na sociedade galega elaboramos unha presentación para compartir e traballar desde as aulas . Non faltan tamén as actividades que nos poñen a pensar , calcular, observar, deducir ,... para construír unha mente cada día máis científica .

lunes, 12 de noviembre de 2018

GUÍA DE SINÓNIMOS E ANTÓNIMIOS



O alumnado de 5º fixo un traballo excelente que conxuga a metodoloxía cooperativa, a busca de información , o manexo de diferentes buscadores, a composición , a revisión e comprobación e a expresión oral. O resultado : unha fermosa guía de sinónimos e antónimos en Galego .


lunes, 5 de noviembre de 2018

Traballando a igualdade nas aulas



  Na aula de 3º B , despois da lectura de " Vanesa non quere ser princesa" ( un conto de igualdade agasallado pola Deputación provincial) ; os nenos e nenas fixeron unha adaptación do mesmo , intentando romper cos estereotipos de profesións vinculadas tradicionalmente a un ou outro xénero . Escoitamos o que nos contan .

lunes, 29 de octubre de 2018

O coro acompañando á poesía




   O pasado sábado , 27 de outubro, o coro do Colexio acompañou no acto de presentación dun poemario de Fernández Abella . Son nenos e nenas de 3º,4º,5º e 6º que interpretaron con voces e instrumentos diversas pezas ; desta maneira o noso alumnado colabora en moitas ocasións con diferentes institucións públicas e privadas integrándose na  diversidade cultural da sociedade do momento.



jueves, 25 de octubre de 2018

SAMAÍN 2018





 E chegou a semana do Samaín ..., no Colexio preparáronse dous escenarios con todos os monstros e personaxes de medo elaborados nas clases e durante esta semana faremos unha hora de ler moi especial . Temos programadas diferentes convivencias lectoras entre aulas de padriños e madriñas e afillados e afilladas,
 Cada clase compartirá un conto de medo e tamén nalgúns casos danzas e cancións.Contamos coa colaboración de Belén , a nosa intérprete de signos , que fai sempre visible e accesible as nosas actividades.

Escenario 1












MARTES, 30 , continuamos coas convivencias entre aulas . Compartimos historias, cancións e un photocoll entre padriños e madriñas.






E rematamos coa queima dos medos




Durante este mes todos os nenos e nenas do noso Colexio andiveron moi atarefados preparando monstros e outros personaxes que meten MEDO para a celebración na vindeira semana do Samaín . Traballamos cunha cantiga popular " O moucho" , á que engadimos uns versos de Rosalía e así un grupo de 6º rapearon a canción que escoitades , mentres vedes o artistas e creativos que son todos os alumnos e alumnas das diferentes aulas .

 O MOUCHO

 Eu ben vir estar o moucho
 enriba daquel penedo;
non che teño medo, moucho!
 moucho, non che teño medo!

Moucho, que estás no penedo,
 eres de cartón , eres de cartón ,
non che teño medo!


Moucho, que estás no camiño,
 déixame pasar, déixame pasar ,
cara o meu destino.

miércoles, 24 de octubre de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA 2018

O alumnado de 6º estivo hoxe na Biblioteca actuando como formadores para todos os máis pequenos . Escoitade e ollade con atención porque hai moito por descubrir . E tamén , todos xuntos, animan a ler porque é importante

E tamén vos convidamos a reflexionar coa axuda deste cartel e destas indicacións , lema das bibliotecas escolares no presente curso .


Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son. ( Recomendacións publicadas no blog das bibliotecas escolares de Galicia )

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/

martes, 2 de octubre de 2018

Formación de usuarios



Despois dun completísimo mes de setembro , despegamos coa actividade de Biblioteca . No verán pasado houbo importantes obras no noso centro , do que estamos moi contentos ; pero claro ...eso implicou redoblar os esforzos para volver a colocar todo no seu sitio e , particularmente, na Biblioteca foi complexo pola cantidade de material e mobiliario que hai .
As nosas primeiras actividades foron :

- elaboración dos carnets para os novos usuarios
- preparación , inventariado e calendario de distribución para as mochilas viaxeiras
- carta ás familias invitándoas a participar nas actividades bibliotecarias e , especialmente , dos préstamos e mochilas
- reparto de mochilas , que xa están circulando
- primeiras xornadas de formación de usuarios , explicando algúns cambios que se fixeron na distribución do espazo , algunha novidade que está a punto de incorporarse como vai ser o rincón robótico e xogos de formación para o manexo e correcta elección dos fondos .
Moitos dos xogos están recollidos na páxina de formación deste blog.





lunes, 1 de octubre de 2018

Novo curso e novas actividades

Na busca dunha educación integral , tratamos de ofrecer ao noso alumnado un nutrido grupo de actividades complementarias e extraescolares que inciden directa ou indirectamente no currículo e que axudan a configurar cidadáns e cidadás do futuro . A nosa primeira actividade foi a visita á exposición Vivemar , que se desenvolveu en tres espazos diferenciados do noso Concello e achegou ao noso alumnado ao mundo do mar: Artes de pesca, na que viron de cerca e moi ben explicadas as diferentes artes pesqueiras ; Exposición fotográfica que mostraba diferentes lugares de Viveiro mirando a ese Cantábrico que nos baña e dá vida . En esta mostra de fotografías apreciamos a evolución dun pobo e comprobamos como o ser humano modifica a paisaxe. Por último, visitamos unha exposición de maquetas de barcos , na que nos explicaron unha chea de curiosidades e datos técnicos sobre os diferentes tipos de embarcacións, usos e outros detalles.

lunes, 9 de julio de 2018

En kayak polo Sor

O alumnado de 6º tivo a oportunidade de gozar dunha xornada de lecer e convivencia polas terras do Sor . Imaxes para a lembranza:

viernes, 6 de julio de 2018

Despedida do alumnado de 6º


O pasado 19 de xuño tivo lugar o acto de despedida do alumnado de 6º . Unha xuntanza entrañable onde todos compartimmos lembranzas e agradecementos . Novas rutas por descubrir para estes nenos e nenas que medraron neste Centro . Os nosos mellores desexos para eles.

lunes, 18 de junio de 2018

MERCADO ECOLÓXICO 2018

Cada curso, o mercado ecolóxico cobra vida no noso Centro e aparece como produto final dunha serie de tarefas e actividades que se levan a cabo ao longo do curso : traballos no horto, reciclaxe , alimentación saudable, coidado do medio e recreación da nosa tradición. O mercado desenvolve a súa actividade en diferentes postos que amosan produtos do horto, artesanía, milagres da natureza ( o mel , o pan , o aceite) , obradorios de maquillaxe, marcapáxinas, cociña caseira, o liño(desde o cultivo a súa transformación ). Unha chea de aprendizaxes na que os alumnos e alumnas desenvolven as competencias clave nun ambiente lúdico , no que ademais expresan a súa creatividade e expresión cultural interpretando , coa música e a danza, varias pezas tradicionais de Galicia. Mestres e alumnos animan o mercado :

viernes, 8 de junio de 2018

Pasapalabra cultural



Nun intercambio entre aulas diferentes do mesmo nivel , o alumnado hoxe puxo en práctica a súa competencia dixital, de expresión e comprensión, cívica e cultural . Elaboraron un "pasapalabra", de creación propia, e convidaron a resolvelo aos nenos e nenas da aula veciña . O seguinte día faremos a mesma actividade , na que os convidados pasan a ser anfitrións e viceversa.

Iniciando Robótica



Coa intención de introducir no vindeiro curso a Robótica nas nosas aulas , fixemos un curso de formación este ano e unha pequena iniciación preparatoria cos nenos e nenas neste último trimestre .



miércoles, 6 de junio de 2018

jueves, 31 de mayo de 2018

SEMANA CULTURAL LETRAS GALEGAS



O mes das Letras remata coa semana cultural , na que toda a comunidade educativa se reuniu no Teatro Pastor Díaz para levar a cabo o festival das Letras , que se desenvolveu durante as tardes do pasado martes, mércores e xoves cunha chea de actividades para honrar a figura de María Victoria Moreno .

Día 22 de maio :

Muiñeira de Lugo -1º
Pandeirada-1º
teatro: " Todo é un conto " -5º
biografía de María Victoria Moreno-6º
Lectura de poemas-6º
Baile : muiñeira -6º
biografía e recitado de María Victoria Moreno


muiñeira do alumnado de 1º



pandeirada do alumnado de 1º



muiñeira de 6º

día 23 de maio :

conto recitado . " O cataventos "


teatro : " Ai, mamasiña,que medo!"
Poema de María Victoria Moreno en lingua de signos
Os maios




imaxes actividades varias :


Día 24 de maio , remate de actividades :
" A vella a fiar" ( un encadeado , dedicado á muller ) - alumnado de 1º
Regueifa : " E déixame subir "- alumnado de 3º
Biografía e poemas de María Victoria Moreno - alumnado de 3º
teatro : " A outra historia de Carrapuchiña" - alumnado de 5º ( esta obra remata cun rap inédito , que titulamos " A vella do bosque" )


A VELLA DO BOSQUE

lunes, 28 de mayo de 2018

ENQUISA DE AVALIACIÓN

Como se achega o final do curso , pregamos que dediques un pouquiño de tempo a reflexionar e rechear a enquisa. Grazas

lunes, 14 de mayo de 2018

Letras Galegas



Continuando coas actividades programadas para este mes de maio , o coro do noso centro actuou en Betania .



Actuación do coro coa colaboración de Sandra Casariego e Mariví Maragoto.

E mirade a nosa exposición de oficios tradicionais vinculados á muller , acompañada pola interpretación do coro do Colexio . Cantan : " Lela" e " O ferreiro"


E , na tarde de hoxe 16 de maio , continuamos coas actividades das Letras .O noso coro actuou na sala do Concello , nun acto organizado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro.Foi unha actuación festiva , adicada á figura de María Victoria Moreno . Os nenos e nenas de 5º leron publicamente un conto da autora homenaxeada e , a continuación, o coro interpretou varias pezas na nosa lingua . Acompañando ao coro estiveron tamén a profe Sandra e a nai dun alumno , Mariví .


Algunhas imaxes do acto desenvolvido na honra de María Victoria Moreno:


ÁLBUM DE FOTOS LETRAS GALEGAS , co Seminario de estudos Terra de Viveiro

viernes, 11 de mayo de 2018

Victor Noir , maxia na escola



Traballa de maneira multidisciplinar , facendo un pouco de todo e aquí , no noso colexio , gustou e convenceu a nenos/as e maiores .Unha sorte contar coa súa presenza .

martes, 8 de mayo de 2018

Encontro con Ledicia

A escritora Ledicia Costas mantivo un encontro cos nenos e nenas de 5º e 6º para falar das súas obras : " A señorita Bubble" e " Escarlatina, a cociñeira defunta" . Visita agradable e produtiva , quedamos desexando que volva. 

         

lunes, 7 de mayo de 2018

MES DAS LETRAS





Para ir empezando coas actividades das Letras Galegas , escoitade a voz de Mª Victoria Moreno a través da fermosa interpretación de Fuxan os Ventos



A través do noso PDI , traballamos durante todo o curso os oficios tradicionais e , dentro deles, fixemos unha selección dos que foron popularmente vinculados ao mundo da muller .
Con esta selección participamos na exposición conxunta " A Mariña en feminino " , promovida pola microrrede de bibliotecas da nosa comarca. Así se homenaxearon as lavandeiras, costureiras, vendedoras de peixe, mariscadoras, traballadoras da conserveira e redeiras.Todas elas son mulleres anónimas, invisibles, que configuraron a nosa sociedade. Moitos destes oficios están vinculados ao mundo do mar , como é lóxico, pola situación xeográfica na que nos atopamos. Son mulleres con mans traballadoras, de cargar, de madrugar, de transportar... Nas imaxes que amosamos podedes ver a interpretación que fixo o noso alumnado xunto coas súas familias . Verdadeiras mostras de creatividade e agarimo .

MOITAS GRAZAS A TODAS AS FAMILIAS PARTICIPANTES ( así dá gusto facer comunidade) e NORABOA!!!


E a exposición conxunta repleta de moitos e bos traballos : variedade, calidade e esforzo . Noraboa a todas as familias participantes!

Outra actividade neste mes das LETRAS .
publicación do noso CHALANO :


miércoles, 2 de mayo de 2018

Un paseo pola beira do Landro : A Xunqueira



Dentro do mes do libro e a lectura, a derradeira actividade foi unha pequena recompilación, en formato libriño, do aprendido polos nenos e nenas de 3º e 4º na camiñata que fixeron polo paseo da Xunqueira , na beira do río Landro.
Unha unidade interdisciplinar , na que se xuntan, ademais dos valores da convivencia e hábitos saudables,aprendizaxes significativas das diferentes áreas e materias do currículo. Un exemplo de traballo levado a cabo a partir dun camiñata pola contorna. Unha formación documental na que peñemos en práctica a busca e a reelaboración da información recibida , entre outras destrezas.


lunes, 30 de abril de 2018

Longa vida á nosa Lingua

O EDL convocou un concurso de cartaces a favor da nosa Lingua , no que o alumnado amosou creatividade, dotes artísticas e convencemento para animar a usar o Galego . Esta é unha pequena mostra do presentado e algunha imaxe da recollida de premios na Biblioteca por parte dalgúns /as dos gañadores/as. Noraboa a todos pola participación !

viernes, 27 de abril de 2018

Rematamos os apadriñamentos



Hoxe tivo lugar o encontro entre padriños e madriñas de 5º cos afillados /as de 2º . Asinaron un contrato de axuda e colaboración mutuas, na busca dunha mellor convivencia e , deseguido, saíron ao patio para compartir lectura. Ilusionante, lúdico e didáctico . Agasalláronse cun marcapáxinas e unha rosa e ...ata a próxima.



martes, 24 de abril de 2018

Xogos populares 2018

Festa do libro e a lectura



Neste mes no que celebramos con entusiasmo a festa do libro e a lectura son varias as actividades que estamos a levar a cabo:


- An Alfaya encontrouse co alumnado de 6º para falar de ... " A ánfora exipcia"

- Anxo Moure estivo na biblioteca cunha proposta sobre contos reciclados , que promove a educación emocional e en valores a través da reciclaxe. Historias divertidas sobre un cociñeiro de soños e esperanzas para coidar a terra.

- Apadriñamentos lectores : firma dun contrato de cooperación para a mellora da convivencia que , comeza cunha experiencia de lectura compartida.

- Exposición de traballos : A Mariña en feminino : oficios tradicionais vinculados ao mundo da muller.

- Esperamos a visita de Ledicia Costas

- Compartimos experiencias inter-aulas e inter-niveis , nun exercicio de exposición e comunicación para extrapolar aprendizaxes , facéndoos vivos e útiles para compartir , mellorar e trasladar :
" Unha etapa do Camiño "
" Unha alimentación saudable é posible"

Contos reciclados- Anxo Moure

viernes, 20 de abril de 2018

APADRIÑAMENTOS LECTORES - MES DO LIBRO



Actividade incluída no Plan de convivencia e no PAL . Firmouse un pequeno contrato de apadriñamento no que se adquiren uns compromisos de axuda, colaboración, acompañamento, escoita, mediación,...e son varias as actividades que se levarán a cabo ao longo do curso entre padriño / madriña e afillado /afillada . Haberá apadriñamento robótico, científico, no CAMIÑO, ...entre outros.
Unha primeira actividade foi este apadriñamento lector , que coincide ademais co mes do libro e fixémolo cunha selección de contos versificados , cos que se traballou na semana da poesía .

miércoles, 18 de abril de 2018

VISITA DE AN ALFAYA

A autora de A ánfora exipcia estivo na nosa biblioteca para compartir xornada cos nenos e nenas de sexto . Un luxo como sempre , unha experiencia moi enriquecedora . Grazas An .

Preparando unha viaxe



Un ano máis estamos preparando a nosa etapa do Camiño de Santiago ; esta vez desde Triacastela a Samos pola mañá e un tramo de Liñares ao Cebreiro pola tarde. O alumnado de 5º e 6º preparou o itinerario , elaborou unha presentación e expuxérona para os compañeiros de 3º e 4º , que se incorporan por primeira vez a esta actividade. Una nova experiencia compartida que conleva busca de información, reelaboración e exposición da mesma. Nalgúns casos , os nenos e nenas estiveron axudados por Belén , a nosa intérprete.



viernes, 6 de abril de 2018

Froita na escola



Presentación do alumnado de 5º para expoñer e motivar ao alumnado de 1º cara o consumo da froita




díptico de actividades por unha mellor alimentación :



E así fixeron os nenos e nenas de quinto a presentación da quincena da froita na escola para os compañeiros e compañeiras de primeiro . Un exercicio de convivencia, narración, expresión ,... no que interactuar e facer máis dinámico o día escolar.

viernes, 23 de marzo de 2018

DÍA DA ÁRBORE E A AUGA



Neste día no que resaltamos de maneira especial a importancia das árbores e a auga como elementos básicos e imprescindibles da natureza , foron varias as actividades levadas a cabo no noso Colexio :

- Plantación de salgueiros e tuyas no noso patio , para enriquecer este entorno educativo do que podemos disfrutar cada día . 
Fixérono os alumnos e alumnas de 1º e 2º nivel.

- Busca no patio dos pradairos , localización e sinalización con carteis ; tamén se encargaron oas nenos e nenas de 1º e 2º .

- O alumnado de 5º estivo na Biblioteca elaborando unha árbore de libros , cunha parte dos exemplares chegados ao Centro por xentileza da Deputación e antes de que pasaran ás aulas e as casas onde van ser lidos polos alumnos , mestres e familias.

- Hai outras dúas actividades que están en proceso debido á falta de tempo e que son :

- Xincana polo patio para recoñecer e observar as diferentes especies árbóreas

- Elaboración dunha guía de campo sobre as árbores autóctonas de Galicia , coa participación de todo o alumnado. 

 
ÁLBUM DE FOTOS


Guía das árbores autóctonas de Galicia :


Foi un traballo cooperativo entre todas as aulas do colexio . Cada unha fixo a súa busca de información e reelaboración e o conxunto é esta guía de campo que todos os nosos alumnos levarán impresa para que fagan uso dela na observación da natureza na contorna.

Tamén como actividade complementaria e para seguir estudando a nosa natureza , ademais de mellorar a nosa comunicación lingüística , o alumnado de 1º estivo de visita na aula de 5º e viñeron a contarnos todo o que aprenderon sobre as diferentes especies de animais e o seu hábitat natural. Para facelo máis visual trouxeron uns murais elaborados por eles .

E , por fin, rematamos as actividades previstas . Fomos de xincana polo patio na busca de diferentes especies arbóreas , identificámolas con axuda da nosa guía e sinalizámolas . Algúns grupos aproveitaron para facer labores no horto , uns plantando e outros quitando herbas malas. Damos por inaugurada esta primavera que nos permite aproveitar os recursos do entorno escolar.

martes, 20 de marzo de 2018

SEMANA DA POESÍA



Para celebrar esta semana da poesía están previstas diferentes actividades , coa participación da comunidade educativa :

- Actuación do coro do Colexio , coa colaboración especial da mamá de Abraham e da profe Sandra . 



para ver imágenes PICA

actuación no Conservatorio de Viveiro en marzo do 2018

jueves, 8 de marzo de 2018

8 de marzo - Día internacional da muller



Fixemos unha selección temática :





Murais, lecturas en feminino, recreacións plásticas de grandes artistas , busca de heroínas no entorno do alumnado : "aquelas mulleres de significación especial na miña vida".

jueves, 15 de febrero de 2018

DÍA DE ROSALÍA, 24 de febreiro




Abrimos as fiestras e saímos para interpretar a palabra de Rosalía , ao pé do noso horto , da natureza que aparece sempre na súa poesía .


Neste curso eleximos seis elementos recurrentes na obra de Rosalía :muíño, gaiteiro,as campás,a festa,as pitas e o galo ,os mecos de mamá e a tristura da emigración .
Cada nivel , de 1º a 6º, traballou na aula un poema no que aparecía un destes elementos e o noso alumnado fixo a interpretación plástica destes textos, que sacamos ás fiestras para que a voz de Rosalía se expanda .


martes, 30 de enero de 2018

Celebración Día da Paz 2018


Durante varias xornadas estivemos traballando nas diferentes aulas para a eleaboración do Libro da Paz 2018 . En cada curso imos editando un libro que vai formando parte da biblioteca e deixa constancia das celebracións ano a ano. Este libro contén a edición impresa , a dixital , un álbum de fotos e un libro de sinaturas que recollen o compromiso de mestres e alumnos .




Despois dunhas semanas de traballo , chegou O día da Paz e celebrámolo nunha actuación conxunta de toda a comunidade educativa , coa participación de todos os nenos e nenas, mestres e mestras e unha multitude de familiares que nos acompañaron , a pesar das dificultades de conciliación de horarios . A escola é o instrumento que teñen as diferentes comunidades para acadar un diálogo e unha convivencia mellor ; ademais, no presente curso , estamos traballando Os oficios tradicionais e , como non podía ser doutra maneira , o lema foi " Unha escola pola paz" , coa presencia do oficio de mestre /a. O programa a desenvolver contiña :recitados, cancións, danzas, manifestos, a historia de Malala, ...e rematou cunha actuación de nenos e nenas de diferentes cursos que interpretaron cos seus instrumentos A sementeira , do grupo Fuxan os ventos. O resto da comunidade interpretou unha danza acompañados por esa melodía . O minuto final foi para unha solta de pombas que sobrevoaron o patio escolar na busca dun arrecendo casi primaveral.
PINCHA NO ÁLBUM



E podes ver máis imaxes : ÁLBUM 2 ÁLBUM 3

jueves, 18 de enero de 2018

DÍA DA PAZ 2018




O vindeiro 30 de xaneiro volveremos a celebrar o Día da Paz . No presente curso daremos por rematado un proxecto que dura xa sete anos , a mellora do noso patio escolar . Nas paredes do pavillón estamos colocando murais xigantes , de vivos colores , baixo un lema diferente cada ano , relacionados co Proxecto interdisciplinar anual. Como no curso actual traballamos sobre os oficios tradicionais , imos dedicar este último mural ao oficio de mestre/a . Baixo o lema " Unha escola pola paz " , as diferentes aulas farán lecturas e actividades que contribuírán á elaboración do noso libro da Paz , que cada ano recompila textos, ilustracións, actividades, fotos, e sinatura de compromisos .
No patio , reunidos arredor do mural e , namentres se irá colocando, todos os niveis farán pequenas actuacións nas que veremos e escoitaremos poemas, historias, manifestos, cancións, danzas, ...
Deixaremos imaxes do que aconteza.
Aquí imos deixar algúns enlaces a diferentes recursos que aparecen na rede e poden ser de interese para traballar diferentes aspectos dese día :

PREME
valores
ayuda
TICs
HISTORIA DE UN ABRAZO
BRIDGE
Profes e mamás preparan as danzas